Actualizado: 13/05/26
O grupo folk Ardentía formará parte da programación cultural das Letras Galegas 2026 organizada polo Concello de Nigrán, unha proposta que durante varias semanas encherá o municipio de música, literatura e actividades arredor da cultura galega.
A actuación de Ardentía terá lugar o domingo 17 de maio dentro dunha intensa xornada festiva dedicada á música e á tradición galega. O concerto celebrarase no C.C. O Torreiro de Priegue, compartindo cartel con Ardelume nunha tarde especialmente pensada para celebrar a lingua e a cultura do país a través da música en directo.
A programación preparada polo Concello de Nigrán rende homenaxe este ano á escritora Begoña Caamaño e inclúe presentacións literarias, concertos, actividades familiares e actuacións de diferentes formacións culturais e musicais do municipio e da contorna.
Entre as citas destacadas figuran tamén a presentación do libro de Xosé María Álvarez Cáccamo, os concertos da ETRAD, a actuación especial da Coral Novos Aires de Nigrán ou o espectáculo familiar de Vero Rilo e Luís Iglesias.